Acuaes, a sociedade estatal que xestiona as cuncas de augas de España, adxudicoulle hoxe á firma Copasa S.A, as obras para construír unha nova estrutura reguladora no Porto, en Ferrol, por 2,5 millóns de euros, informou o ministerio de Medio Natural, de que depende este órgano.
O orzamento para esta actuación ascende a 2.536.355 euros e os traballos serán cofinanciados polo Ministerio, que achega o 90% a través de Acuaes e os fondos Feder (UE), mentres que a Xunta pon o 10% restante.
Esta construción, que se erguerá baixo a estrada do porto vello, vén a completar a infraestrutura da primeira depuradora da ría de Ferrol, cunha planta de tratamento en cabo Prioriño e outra de bombeo na Malata, ademais da rede de colectores que se executa na actualidade para enganchar os domicilios de Ferrol, Narón e Neda, as tres localidades do norte da ría.
Permitirá controlar o caudal de augas residuais urbanas procedentes do interceptor xeral en tránsito cara á estación de bombeo da Malata (Ebar) e mellorará o aproveitamento dos novos colectores para conter as augas contaminadas en caso de chuvia, explica o Executivo central.
Evitará, ademais, posibles inundacións na zona do paseo da Mariña aínda que obrigará a modificar o peche perimétrico do porto e o paseo que vai desde Curuxeiras cara á enseada da Malata.
Última fase
Nesta última fase da depuradora invístense 45,5 millóns de euros, que achegan o Magrama (Ministerio de Agricultura e Medio Natural), nun 90% con fondos europeos e de Acuaes, e a Xunta co 10% que resta.
As obras da depuradora encaran a súa recta final e os traballos concéntranse agora en erguer dous tanques de tormentas no barrio de Esteiro (Esteiro 1 e 2), dentro do tramo A Malata-A Gándara (Narón), así como o colector xeral da avenida de Irmandiños, que discorre parello aos estaleiros e ao Arsenal militar, cruzando o centro de Ferrol.
Tamén se rehabilitan colectores do Cantón ata o barrio da Gándara, ademais do interceptor xeral de Caranza e o seu colector xeral, como o da Gándara. e no tramo de Narón a Neda (A Gándara-Cadaval) constrúense 7 tanques de tormentas. A previsión é que os traballos terminen en outono do 2015. EFEverde