A illa da Toxa acolle hoxe un congreso internacional con presenza de economistas de Alemaña, Italia e España para debater, entre outros asuntos, por que os europeos tardan en adoptar medidas de eficiencia para aforrar enerxía.
Nel participan Xabier Labandeira, director do congreso e catedrático da Universidade de Vigo, e Andreas Loeschel, asesor do Goberno alemán na súa transición enerxética desde o seu posto no Centro para a Investigación Económica Europea de Mannheim.
Tamén interveñen o italiano Massimo Tavoni, da Fundación Eni Enrico Mattei, e o suízo Massimo Filippini, do Instituto Federal de Tecnoloxía de Zürich.
O denominado “Workshop Atlántico sobre Economía Enerxética Ambiental”, que se realiza con carácter bienal, completa a sexta edición para, en palabras de Filippini, estudar unha cuestión, a da eficiencia enerxética, que durante anos foi campo exclusivo dos enxeñeiros e que só agora abordan os economistas.
Medidas de eficiencia
O grupo de académicos aproveitou a ocasión para anunciar a creación da primeira plataforma europea de investigación sobre economía da eficiencia enerxética, bautizada como Ergon.
Con ela pretenden, segundo sinalou Loeschel, “descubrir por que nos estamos atrasando na implantación da eficiencia enerxética”.
Unha área sobre a que se podería avanzar moito, coas técnicas xa dispoñibles, no campo do illamento dos edificios, destacou Loeschel.
“Non somos siglas, senón investigadores que traballamos xuntos”, sinalou Labandeira, que cos seus colegas aposta polo “intercambio de investigadores” para avanzar no coñecemento académico a través de Europa nunha materia en que hai diferenzas notables.
Cales son as barreiras que fan que a xente invista menos do que debería? Carencia de recursos económicos, falta de información, pouca concienciación? Estas son algunhas das preguntas que se formularán no congreso.
Con respecto aos incentivos públicos, o que se debate é se os económicos son os máis adecuados ou se, polo contrario, hai outros de tipo social, como por exemplo a comparativa en consumos eléctricos entre veciños.
Este é un dos campos que se proporán, así como as solucións máis útiles en materia de transportes.
Os catro especialistas, xunto a outros académicos de once países diferentes (Francia, Reino Unido, Portugal, Australia, Xapón, Estados Unidos e Chile, ademais dos citados), intervirán hoxe e mañá nas súas respectivas mesas.
A organización lembra, en liña co anterior, que a comunidade científica ten datos que sinalan que un lar medio podería aforrar, en España, entre 450 e 680 euros ao ano só con melloras de illamento, mudanzas nas iluminacións, calefacción e electrodomésticos.
Igualmente, apunta que edificios pensados para a eficiencia na súa construción poderían consumir até 75% menos de enerxía. EFEverde