EFEverde en Galego

Alcaldes concéntranse fronte despacho Feijóo e amagan cun encerro

Publicado por: Redacción EFEverde 28 de marzo, 2014

Santiago de Compostela, 27 mar. (EFEverde en Galego).- Unha representación de alcaldes do BNG e o PSOE concéntrase nestes momentos nas dependencias do Goberno galego en San Caetano en sinal de protesta pola decisión de incrementar 34% o canon que se cobra polo tratamento do lixo aos concellos adheridos á Sogama e amagan cun encerro.

Vinte e cinco rexedores apostáronse nesta mañá diante do despacho do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras unha pancarta en que se podía ler “Os concellos contra a suba do canon de lixo de Sogama” e que aos poucos minutos foi retirada, ao ser fixada esta condición para que se lles dese unha resposta de se ían poder ser recibidos.

O socialista Marcos Blanco, primeiro edil en Ribadavia (Ourense), dixo aos informadores que se non poden manter unha reunión están “dispostos a encerrarse” e apuntou que “non son radicais” tendo en conta que o único que procuran é unha solución consensuada ante a “imposición” deste incremento.

“Estamos en contra da suba indiscriminada e unilateral da Xunta. É un atropelo. Volvemos pedir todos os alcaldes que estamos aquí diálogo e consenso”, remarcou Blanco, que exerceu de portavoz.

Engadiu que o que procuran é unha reunión que “até agora non tivemos por unha decisión equivocada da Xunta. Unha reunión co presidente. Que escoite as nosas propostas” e que se poida abrir así unha vía de diálogo.

No caso de que este encontro non se produza, avanzou que non teñen problema ningún en tomar outra determinación, porque “estamos dispostos a encerrarnos en San Caetano até que nos escoiten dunha vez por todas”.

Ao ser preguntado por se os grupos a que pertencen non fixeron valer esta postura no Parlamento de Galicia, respondeu que “nos representan mais non se lles fai caso. O rolete do PP é tan forte que non se escoita”.

Lembrou que representan a máis de 50% da poboación e que o único que ocorreu até agora é que neste asunto lles viraron as costas en vez de consensuar medidas, cando existe disposición a conversar.

“Non podemos soportar que a alcaldes representativos dunha serie de poboacións importantes nos viren as costas e non nos escoiten. Entre administracións públicas o valor fundamental é o consenso e o diálogo, e é o que pretendemos, e se non nos escoitan” o seguinte paso serán “medidas máis coercitivas”.

Ao ser consultado por se con iso se liquida o foro da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), asegurou que “de ningunha maneira; é un foro municipalista e entendo que os grupos que estamos aquí, os alcaldes, non somos radicais. Representamos os nosos veciños e os intereses xerais”.

“O foro da Fegamp -agregou-, se hai algún tipo de conflito interno, haberá que o solucionar de forma interna, mais isto non ten nada que ver coa Fegamp. Somos alcaldes que queremos que nos escoiten, nada máis”.

Os socialistas concentrados na área de Presidencia, entre eles o alcalde do Barco de Valdeorras (Ourense), Alfredo García, vicepresidente primeiro da Fegamp, esperan de Feijóo “diálogo e solucións” ante un aumento no prezo que se paga por este servizo “unilateral, inxusto e desproporcionado”, así como un cambio no modelo de xestión de residuos de Galicia para adaptalo á normativa da Unión Europea.

Os alcaldes nacionalistas, entre os que están o vicepresidente segundo da Fegamp e alcalde de Allariz (Ourense), Francisco García, o alcalde de Monforte (Lugo), Severino Rodríguez, e o rexedor do municipio lugués de Ribadeo, Fernando Suárez, critican o “taxazo” e a negativa do Executivo de Feijóo a negociar cos gobernos locais “unha solución consensuada” incumprindo “unilateralmente” as condicións de contrato entre a empresa e os municipios. EFEverde en Galego

flh/am

 

Secciones : Actualidad Galego
Redacción EFEverde

Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE.