A Asociación Animalista Libera denunciou a “nula responsabilidade penal” nalgúns casos de tortura aos animais por deficiencias articuladas no Código penal e pola disparidade de criterios que se poden aplicar cando se trata dun feito vinculado á caza.
O colectivo puxo un exemplo recente dun vídeo divulgado a través das redes sociais en que se poden ver tres cazadores lugueses acoitelando en repetidas ocasións un xabaril malferido, que a seguir decapitan “da forma máis cruenta e inmoral posible”, detalla nun comunicado.
Os defensores dos animais cualificaron este feito de “tortura” e lamentaron que “desgraciadamente” non terá ningunha repercusión penal.
Segundo o seu relato, se se tratase dun animal doméstico ou “amansado” os autores destes feitos poderían ser condenados a penas de até un ano de prisión, mais ao estaren considerados estes animais como “fauna silvestre” parece que se “exculpa de forma automática” a conduta violenta, engaden.
Na mesma nota, Libera citou estudos e especialistas internacionais que alertan da relación existente entre os malos tratos aos animais e o malos tratos interpersoais, e de como a alarma social xerada por contextos como o da provincia de Lugo está “plenamente xustificada” ante situacións que sorprenden a cidadanía.
Por iso, propuxeron a posibilidade de que as autoridades retiren de forma indefinida o permiso de armas e a conseguinte licenza para cazar aos autores duns feitos de “extrema gravidade e crueza”, así como que a cuestión non quede en infraccións da actual lei de caza.
O comunicado conclúe que esta diferenza na aplicación da normativa xera situacións de “malestar” e que este caso “resume á perfección” as concesións que durante os últimos anos foron feitas ao ‘lobby cinexético’, exculpándoo non só por torturar animais, senón tamén dos accidentes de tránsito que poida causar a fauna salvaxe que transite nos coutos. EFEverde