Os nacionalistas, por boca do seu voceiro, Iván Rivas, arremeteron hoxe contra os populares nun comunicado só un día despois dunha concentración veciñal contra o proxecto que o domingo a mediodía congregou unhas 200 persoas no antigo peirao carboeiro baixo o lema «Salvemos A Malata».
Entre os asistentes había veciños, grupos ecoloxistas e tamén políticos do BNG, EU e do PSOE, que presentaron un lote de alegacións ao proxecto ferroviario e defenden a opción do trazado norte, máis longo e custoso pero con menor impacto ambiental para a ría, sosteñen.
A xuízo de Rivas (BNG), o PP trata «de ocultar que este proxecto incidirá de forma negativa» na ría cunhas medidas correctoras que para o BNG son «escasas, ineficaces e non resolven determinadas cuestións como o nivel de ruído en zonas do trazado ou a degradación da Malata e a desaparición do seu banco marisqueiro».
Os grupos políticos, veciñais e sindicais da ría de Ferrol que se integran na plataforma que se opón ao trazado sur do ferrocarril para conectar a rada exterior de Caneliñas, en cabo Prioriño, defenden a opción polo norte que descartou Fomento.
«A necesaria conexión por tren ao porto exterior non pode servir de xustificación para aumentar o nivel de destrución e degradación ambiental e económica da ría de Ferrol que non vai ser mitigado por ningunha medida correctora», conclúe Rivas, voceiro municipal dos nacionalistas. EFEverde en Galego




