EFEverde en Galego

Bombeiros Natutecnia rompen as negociacións

Publicado por: Redacción EFEverde 4 de julio, 2014

Os bombeiros privados dos seis parques que xestiona a firma Natutecnia na Coruña e Lugo (As Pontes, Cee, Santa Comba, Monforte, Sarria e Chantada) puxeron fin “polo de agora” ás negociacións coa xerencia para tratar de pechar un convenio regulador que poña fin ao conflito laboral que xa dura 9 meses e que se remonta a setembro de 2013.

A parte social, representada polo sindicato independente de bombeiros (Sibgal), expón nunha nota que os traballadores deron por finalizadas as negociacións do convenio despois de que o xoves 3, tras sete horas de reunión, non se rexistrasen “avances positivos”.

A relación entre Natuctenia e o seu cadro de persoal tensouse hai dous meses co despedimento de dous bombeiros do parque de Santa Comba aos que a dirección atribuía unha falta grave e que os seus compañeiros esixiron que se readmitan.

“A empresa quere deixar outra vez a porta aberta para despedir un traballador con diñeiro público”, expón Sibgal, que lembra que Natutecnia ten unha concesión da Administración autonómica para a prestación dun “servizo público de emerxencias”.

Critica Sibgal, ademais, que as negociacións non avancen “pola insistencia da empresa en abrir a posibilidade de que os traballadores fagan tarefas que non corresponden ao seu posto como limpezas, roces, mecánica ou pintura”.

Natutecnia presta os seus servizos en seis parques comarcais que atenden medio centenar de municipios da Coruña e Lugo. Os bombeiros da firma convocaron asembleas nos seus postos de traballo a semana próxima para fixar un calendario de mobilizacións. EFEverde

Secciones : Actualidad Galego
Redacción EFEverde

Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE.