Visita do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, á II fase do Bosque de Galicia. EFE/Lavandeira jr

EFEverde en Galego

O ‘Bosque de Galicia’ completa a súa humanización con 34 hectáreas

Publicado por: Redacción EFEverde 1 de agosto, 2018 Santiago de Compostela

A segunda fase do ‘Bosque de Galicia’ foi presentada onte, convertíndose coas 34 hectáreas que conectan o Gaiás coa cidade de Compostela no “maior espazo verde con especies autóctonas de toda a Galicia atlántica”.

Así o indicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a visita á nova fase do ‘Bosque de Galicia’, na que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o concelleiro compostelán Jorge Duarte.

Núñez Feijóo enmarcou a conclusión desta fase na finalización tamén en 2020 da totalidade da Cidade da Cultura que se levou a cabo con “dignidade e responsabilidade”; neste sentido, confiou en que o ano 2020 se conclúan tódolos espazos do Gaiás, de xeito que no próximo Ano Santo en 2021 todos estean en marcha, e, ademais, “pagados”, remarcou.

Perseguindo a utilidade

O obxectivo ademais é que esta infraestrutura sexa “útil” e, aos poucos, pase a formar “parte do patrimonio dos galegos”.

Para conseguir este fin, o Goberno galego optou por adaptarse ao novo contexto económico, distinto ao que había cando se proxectou, e descartar que a Cidade da Cultura quede incompleta, para o que foi necesario “dicir a verdade e xestionar a realidade que lle toca a cada un”.

Así, a Xunta decidiu adecuar á realidade a ambición inicial desta infraestrutura e “entregar aos galegos un Gaias útil, digno e responsable”, engadiu o presidente.

Mellora das conexións

O xefe do Executivo autonómico tamén fixo referencia á mellora das conexións que se realizou porque se trataba dunha materia pendente para que o proceso de transformación do complexo do Gaiás fose plena.

Así, durante a segunda e última fase da execución do Bosque de Galicia, ampliouse ata os cinco quilómetros a lonxitude da rede de sendas que o atravesa e une a Cidade da Cultura co barrio de Sar e, no primeiro semestre do ano que vén, prevese que estea finalizada a ligazón coa AP-9, permitindo que sexa unha infraestrutura “para todos os galegos”. EFEverde

Secciones : Actualidad
Redacción EFEverde

Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE.