Así o afirma a compañía eléctrica nun comunicado en que destaca que tras distintos controis, e só dous anos despois de concluír -en 2012- a fase de enchido que arrincou en 2008, as augas do lago obtiveron «a mellor cualificación para o consumo humano, o baño e a vida animal».
«Tres normas distintas evidencian a excelente calidade do líquido», destaca a empresa, que alude aos tres decretos que controlan a calidade da auga.
Cun simple filtrado e desinfección, a auga do lago sería potable para o consumo, indican, para precisar que dos tres niveis de pre-potabilización, as augas do lago obtiveron A1, o que menos esforzo require.
A boa cualificación obtida evidencia, en opinión da eléctrica, «o éxito alcanzado na rehabilitación ambiental do espazo mineiro», cunha extensión de 865 hectáreas e cotas de profundidade que superan os 200 metros nalgúns puntos.
Ademais de cubrir con auga, fundamentalmente do río Eume, a antiga explotación a ceo aberto, Endesa converteu a entulleira nun verxel de 1.200 hectáreas con máis de 600.000 árbores e 180 especies de vertebrados salvaxes.
O lago, por outra banda, demostrou xa a súa capacidade para ser refuxio de aves de paso de acordo con distintos estudos científicos que vaticinan o seu potencial como «gran centro de recepción de aves migratorias».
Un dos extremos do lago, o que está máis próximo ao núcleo urbano, alberga unha praia artificial de 430 metros de longo con toneladas de area de canteira lavada e con temperaturas na auga que acadan os 24 graos en época estival, á sombra da central térmica de Endesa.
Tamén aquí a lámina de auga ten a calidade necesaria para cumprir cos requisitos de salubridade que marca o Real decreto 1341/2007. En concreto, destaca Endesa, recibiron a cualificación de «excelente» para o baño.
Por último, a lagoa artificial, unha das máis grandes de Europa, tamén respecta e cumpre cos parámetros para o desenvolvemento da flora e a fauna (RD 927/1988) que resultan «idóneas», di a eléctrica, xa que conseguen a categoría de «augas salmonícolas», é dicir, as mellores para os peixes. EFEverde




