A Consellería do Medio Rural confirmou, na súa conta oficial de Twitter, a extinción deste incendio forestal, o máis grande rexistrado en Galicia no que vai de ano, o cal afectou a unha zona declarada Lugar de Interese Comunitario (LIC), pertencente á Rede Natura.
O incendio foi dado por extinguido ás 13:40 horas e afecta a un total de 2.999,50 hectáreas de monte, das cales, 1.300 son arborizadas.
Desta forma, a Xunta elevou o número de hectáreas ardidas das 2.800 que daba estes días a practicamente as tres mil, que son as que se contabilizan agora.
Virulencia
O incendio, que se iniciou o pasado martes ás 18:46 horas na parroquia da Illa e que chegou á localidade limítrofe de Lobios, foi o máis grave que viviu ata agora Galicia, xa que chegou a aproximarse a casas, o que obrigou á Xunta a decretar a «situación dúas», como medida preventiva, pola proximidade aos núcleos de poboación.
De feito, o rexedor da localidade, Ramón Alonso (PSOE) chegou a falar dunha auténtica «catástrofe ambiental, forestal e veciñal» a sufrida hai unha semana nesta localidade, e que, ao seu xuízo, poderían haberse «evitado» se se enviaron «medios antes».
A virulencia do lume chegou a provocar cuantiosos danos nunha granxa, que se viu completamente queimada, hórreos, hortas, árbores e mesmo chegou a acceder ás instalacións onde organizan os campamentos de verán, aínda que non chegou a provocar danos maiores.
Precisamente, os alcaldes dos municipios afectados polos lumes este verán sopesaron a posibilidade de solicitar axudas de emerxencia xunto coa declaración de zona catastrófica ante os cuantiosos danos, despois de que o lume arrasase ao seu paso hortas, zonas de pastos e canalizacións de auga. Efeverde




