EFEverde.- A Garda Civil está a investigar as causas que provocaron a morte de cerca dunha trintena de cans de caza no último mes nas zonas de Melide, Palas de Rei e Arzúa, xa que os primeiros indicios apuntan a que os animais foron envelenados.
Nunhas declaracións á EFE, o presidente da zona de Arzúa, Juan Formoso, confirmou que os supostos envelenamentos comezaron na de Melide, onde morreron no último mes máis de vinte cans.
Segundo Formoso, a investigación destes sucesos, en que están participando axentes do Seprona e persoal da Consellería de Medio Ambiente, xa está en mans dun Xulgado de Arzúa, xa que a morte indiscriminada de cans que participaron recentemente en batidas de caza está a provocar unha importante alarma social.
De feito, o problema foise estendendo nas últimas semanas. “Nun principio, todos os cans afectados pertencían á zona de Melide”, mais na pasada fin de semana morreron dous animais no límite co de Palas e outro no linde co de Arzúa, precisou Formoso.
Onte mesmo, “despois de cazar, tres animais morreron e outros tres ingresaron en clínicas veterinarias”.
Máis de vinte e cinco cans de caza
O presidente da zona de Arzúa calcula que morreron xa máis de vinte e cinco cans de caza no último mes e outros moitos foron ingresados en clínicas veterinarias.
Do seu punto de vista, non hai dúbida de que os animais foron envelenados, porque “de repente, comezan a botar escuma pola boca e, nalgúns casos, os seus propietarios non tiveron tempo nin de levalos a unha clínica, porque morreron no acto”.
No referente ás posibles causas deste suceso, recoñece que os cazadores están absolutamente desconcertados e non saben a que se pode deber nin quen pode estar detrás dun comportamento tan cruel.
“Non vimos ninguén”, dixo Formoso, quen pensa que talvez se deba “a algún tipo de vinganza”, aínda que agregou que, en todo o caso, polo menos pola parte que lle corresponde “non houbo problemas con ninguén”. EFEverde