EFEverde.- A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, dixo hoxe que sacrificar ou non ás reses atopadas en pésimas condicións nun cortello de Chantada depende do gandeiro. “É o propio gandeiro quen determina que facer con esas reses”, indicou a preguntas dos medios de comunicación.
As vacas foron atopadas xunto aos cadáveres e restos óseos doutras corenta reses e, tal e como confirmou Vázquez esta mañá, os informes realizados polos veterinarios deixan patente o deplorable estado de saúde dos animais, tras o presumible abandono e falta de atención por parte do seu propietario.
A posibilidade do sacrificio destes animais provocou a mobilización de miles de persoas que piden que non se mate ás vacas e que sexan doadas a un refuxio de animais.
En canto ao procedemento aberto contra o gandeiro, a titular de Medio Rural explicou que o seu departamento “actuou segundo os protocolos estipulados en base á Lei e tomáronse as determinacións pertinentes”, que fan que o caso estea en mans dunha investigación xudicial.
Vázquez rexeitou dar información achega do testemuño do investigado, pero, con todo, considerou que “unha persoa, se está normal, non deixa que isto suceda”.
Consello da Xunta
Por outra banda, a conselleira tamén falou nas súas declaracións aos medios sobre as axudas aprobadas onte polo Consello da Xunta para a comercialización de produtos agrarios, sobre as cales explicou que se dirixirán “máis de 33 millóns de euros” á “transformación”.
Esta cantidade supón un 25 % máis que a destinada o ano anterior e, segundo asegurou, están destinadas principalmente a empresas transformadoras, así como a denominacións de orixe e consellos reguladores. EFEverde