EFEverde.- Os alcaldes dos municipios ourensanos de Baltar, Xinzo, Trasmiras e Cualedro, afectados polo incendio que arrasou polo menos 3.000 hectáreas, e que os rexedores consideran que será maior, avanzaron que “esixirán” axudas urxentes de emerxencia tanto ao Goberno central como á Xunta de Galicia para facer fronte aos cuantiosos danos rexistrados no incendio.
Antonio Pérez (Xinzo), Luciano Rivero (Cualedro), José Antonio Feijóo (Baltar) e Emilio Pazos Ojea (Trasmiras) compareceron nunha rolda de prensa conxunta, na casa do concello de Xinzo, onde deron a coñecer este acordo alcanzado polo que solicitarán subvencións nun documento conxunto.
Na súa intervención, o rexedor de Xinzo, Antonio Pérez, confirmou, a falta da cuantificación oficial dos danos, que van “esixir, non pedir”, as axudas de emerxencia tras aludir aos numerosos danos ocasionados neste incendio, do que non ten ningunha dúbida sobre a súa intencionalidade polos datos dos que dispón.

Indicou que apareceron “sete artefactos explosivos nun radio duns seis quilómetros”, que se terían activado nun espazo “duns 25 minutos”, polo que non dubidou en falar de “terrorismo ecolóxico organizado” similar ao de “os yihadistas”, en canto á intencionalidade.
O lume, que se aproximou con perigo a unha vintena de pobos causou danos en vivendas deshabitadas, almacéns, cultivos, árbores e mobiliario urbano, ademáis de poñer en perigo a varias granxas, unha situación que cualificaron de “terrible” e de “dramática”, na que mesmo chegaron a temer “polas persoas”.
De feito, numerosos veciños quedaron sen luz e auga e tivo que ser decretada a situación 2 de emerxencia, pola proximidade das chamas ás casas.
Tan só en Baltar, o alcalde desta localidade elevou a unhas “1.500 as hectáreas queimadas”, das cales preto de 350 se corresponden á zona de “piñeiral”, cuxas especies tiñan “entre 15 e vinte anos de antigüidade”.
O lume, que se iniciou nun único foco, foise propagando rapidamente, unha situación que se viu favorecida pola calor e os cambios de vento. De feito, a densa fumareda obrigou aos medios aéreos a suspender as labores pasadas as sete da tarde para evitar males maiores.
O alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, reclamou “un cambio na lei” logo de advertir de que non se pode permitir que os concellos sigan ardendo deste xeito.
Segundo apuntou tamén o alcalde de Xinzo, trátase do incendio “máis importante rexistrado nos últimos 50 anos” e, mesmo tal e como destacou o rexedor de Trasmiras, “brigadistas, con máis de 35 anos de experiencia, comentaban que non viran nada igual”.
Segundo revelou este último, ao parecer varias persoas terían visto o mesmo coche en varios incendios, algo que tal e como asegurou, é “demasiada casualidade”.
“Houbo que ir improvisando”, relatou.
Ante unha situación que cualificou de “límite”, Pérez esixiu aos diferentes gobernos, central e autonómico, que asuman a súa responsabilidade e pediu que se estableza “un marco común para que isto non volva acontecer”.
Gandeiros afectados
Mentres tanto, os alcaldes expresaron a súa preocupación sobre qué vai pasar cos gandeiros afectados tras aclarar que serán os prexudicados se non teñen “onde pastorear durante os anos que a Administración prohíbe o pastoreo”.
Os rexedores reclamaron que as mesmas axudas que ten calquera capital de Galicia cando se producen inundacións cheguen tamén ás zonas do rural e non haxa diferenzas.
“Se isto non é unha situación de emerxencia, a ver cal é”, insistiu o alcalde de Xinzo, quen rexeita que haxa posibles intereses detrás dos incendios por parte da Administración, como de efectivos que traballan na loita contra incendios.
Por outra parte, pediu á Xunta que asuma a súa parte de responsabilidade e faga cumprir os perímetros tras subliñar que “non pode ser que cada mes de xullo esteamos a falar deste tema”.
Por último, chamou á xente a denunciar en caso de saber quen foi o causante do incendio tras asegurar que en moitos casos os veciños o autor dos incendios. EFEverde
Debe estar conectado para enviar un comentario.