EFEverde.- A neve continúa condicionando a circulación pola rede viaria da provincia de Lugo, especialmente pola secundaria, aínda que tamén é preciso o uso de cadeas en dúas estradas autonómicas e a Garda Civil de Tráfico recomenda circular con “precaución” polo resto, mesmo polas autovías do Noroeste (A-6) e do Cantábrico (A-8) por placas de xeo.
Actualmente é necesario o uso de cadeas para circular pola LU-633, no alto do Poio, no municipio de Pedrafita do Cebreiro, concretamente entre os quilómetros 0 e 19, onde tamén está restrinxido o paso de vehículos pesados.
Unha situación parecida se produce na Campa da Braña, no municipio de Cervantes, concretamente entre os quilómetros 20 e 28 da estrada LU-723.

Por outro lado, o subsector da Garda Civil de Tráfico informou de que a esta hora está nevando copiosamente noutro punto habitualmente conflitivo, o alto da Gañidoira, no municipio de Muras, na estrada LU-540, aínda que por agora se pode pasar “con precaución” e non é necesario o uso de cadeas.
Na rede viaria provincial, a Deputación mantén operativo un dispositivo formado por máis dun centenar de operarios e 52 máquinas, o mesmo que onte deixou expedita case a totalidade das estradas da súa titularidade, despois dunha xornada moi complicada, en que case un centenar de núcleos ficaron bloqueados por causa da neve.
Tamén Lugo capital amencía esta mañá cun manto branco e o Concello ten preparado o dispositivo de emerxencias, especialmente para deixar expeditos os accesos ao hospital Lucus Augusti, onde onte se rexistraron problemas puntuais na circulación por causa da neve.
Suspensión das clases
As precipitacións de neve que caeron nas últimas horas en diversas comarcas da provincia de Lugo provocaron a suspensión das clases en 39 centros escolares e que outros 24 estivesen afectados por problemas nalgunha das rutas de transporte escolar.
En total, segundo informou a EFE a Consellería de Educación, hai 63 centros afectados en toda a provincia de Lugo, mesmo máis dos que había na xornada de onte, e un total de 6.158 alumnos quedaron sen clase.
A zona máis afectada polo temporal de frío é o centro da provincia, onde hai un total de 47 colexios afectados, dos que 23 estiveron obrigados a suspender a actividade lectiva.
Na zona da Montaña, hai quince colexios afectados e en todos eles se suspenderon hoxe as clases.
Tamén hai un colexio afectado no municipio de Ourol, na comarca da Mariña.
Previsión para hoxe
Galicia quedará hoxe nunha zona intermedia entre o anticiclón do Atlántico e a borrasca do Mediterráneo, predominando levemente a influencia anticiclónica, sinala Meteogalicia.
A predición observa alternancia de nubes e claros, con chuvascos no norte e leste, persistentes durante toda a xornada deste xoves, e máis ocasionais no resto.
A cota de neve situarase arredor dos 600 metros de altitude, as temperaturas non experimentarán mudanzas significativas e manteranse as xeadas en zonas do interior, mentres que o vento soprará de compoñente norte, moderado na costa e frouxo no interior. EFEverde
Debe estar conectado para enviar un comentario.