jureles

Xurelos recén collidos da lonxa de Muros expostos para proceder á súa venda EFE/Paco Torrente

EFEverde en Galego

O BNG demanda máis cotas de pesca de xurelo e xarda para o cerco galego

Publicado por: Redacción EFEverde 18 de marzo, 2015 Santiago de Compostela

EFEverde.- A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha pregunta parlamentaria para demandar ao Ministerio de Agricultura que aumente as cotas de pesca de xurelo e xarda destinadas ao cerco galego, de forma que poidan manter a súa actividade “con plenas garantías”.

A deputada apoia a súa petición nunha repartición desequilibrada “por parte do Ministerio que foi obxecto de múltiples críticas do sector pesqueiro galego”, informa o BNG nun comunicado.

Segundo a parlamentaria, a distribución de cotas de especies de grande importancia para o cerco, como o xurelo, a xarda ou a sardiña, “quedou moi por debaixo das necesidades”.

Davila alude na súa iniciativa “ao gran malestar xerado no sector” por unha repartición das cotas que considera “desatinada e que ameaza a viabilidade e a actividade do sector”.

Neste sentido, critica “a enorme diferenza practicada entre barcos de xestión individual e barcos de xestión conxunta”, e di que os navíos de xestión conxunta foron penalizados ao descontárselles “1.554.429 quilos de xurelo por pescar máis en 2014, cando ao final quedaron case 1.000 toneladas sen pescar”.

Fernández Davila considera que se o Ministerio non modifica “esta insuficiente asignación”, os barcos do cerco estarán obrigados a continuar pesando cando esgoten a cota e que o exceso lles sexa repercutido no ano 2016. EFEverde

Secciones : Actualidad
Redacción EFEverde

Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE.