O BNG rexistrou no Parlamento unha pregunta para a súa resposta en comisión sobre a valoración que fai a Xunta acerca da situación en que se encontra o Monte Pindo (Carnota, A Coruña), tras sufrir un devastador incendio que queimou unhas 2000 hectáreas hai un ano.
“Os veciños deste concello denuncian o abandono da Xunta e a ausencia de medidas, tanto para a restauración deste espazo como para evitar que unha catástrofe similar poida repetirse”, engaden os nacionalistas.
Nun comunicado, alertan da ameaza para o monte de substituír a vexetación autóctona por eucaliptos, como denunciou a Asociación Monte Pindo Parque Natural, que sostén que estas actuacións non están autorizadas nin polo consistorio, nin pola Xunta nin pola comunidade de montes de Caldebarcos.
Por iso, pregunta polos resultados da investigación das causas do incendio, polos informes científicos ao respecto, por eventuais medidas por parte da Xunta para reparar os danos producidos e por un futuro plan de recuperación deste espazo.
“Se a Xunta non vai ao Monte Pindo, o Monte Pindo vai á Xunta”, engadiu a asociación do mesmo nome, que reiterou as súas críticas á “impunidade” do autor material do lume, á falta de avaliación das consecuencias do incendio e á plantación de eucaliptos. EFEverde