EFE
EFEverde en Galego

O VII Congreso Apícola Hispánico reunirá 1.000 participantes en Santiago

O secretario técnico da AGA, Xesús Asorey, destacou a importancia dun congreso que decorrerá nun lugar «céntrico e emblemático», como é o Instituto Rosalía de Castro, onde existen, desde hai 400 anos, dúas colmeas integradas na propia estrutura do edificio que producen mel.

O evento contará con 75 relatorios científicos que abordarán sete áreas diferentes e tres mesas redondas sobre os asuntos que máis preocupan os apicultores, a sanidade apícola, o comercio de mel (que sofre escaseza mentres a demanda aumenta) e a situación da avéspora velutina (unha especie que se converteu, dixo Asorey, nunha «auténtica praga» en lugares como a Mariña de Lugo).

As sete áreas son a bioloxía e o comportamento da abella; a polinización e a flora apícola; a apiterapia; os produtos apícolas; a sanidade apícola e a saúde das abellas; a tecnoloxía apícola e o manexo das colmeas; e a economía, o desenvolvemento e a percepción social.

Asorey subliñou hoxe na presentación do Congreso que o mel adquire cada vez máis usos diferentes, como na fabricación de cervexa ou cosméticos, e informou de que na reunión se realizarán obradoiros sobre estas aplicacións e sobre a cría de raíñas, así como concursos de pintura con mel ou o emprego de innovacións tecnolóxicas no sector.

O portavoz da AGA dixo que esta será «a primeira vez» que unha asociación de apicultores organice un congreso deste nivel, sobre un sector tan importante para o home, xa que as abellas son as «sentinelas» e teñen un papel ambiental «insubstituíble».

Tamén está prevista unha xornada de portas abertas en que os visitantes poderán ampliar o seu coñecemento sobre este sector , tanto para a construción da biodiversidade, como para a produción de alimentos, polo labor das abellas na polinización. EFEverde

Secciones:

Imagen de Redacción EFE Verde

Redacción EFE Verde

Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE.