A asociación informou nun comunicado de que presentara alegacións ante a nova petición de licenza municipal que pretende a empresa.
Considera que se trata dun procedemento «escandaloso, pois, ademais das trampas e procura de fisuras na lexislación para legalizar unha auténtica barbaridade, do punto de vista administrativo a prepotencia da empresa é tal que nin sequera garda as formas, con omisión de documentación, falsidade na que se presenta e tantas irregularidades que a simple admisión a trámite demostra o servilismo e colaboracionismo da Administración coas mafias mineiras».
Agrega que, para alén destas irregularidades na forma, «o fondo aínda é máis vergonzoso», pois poderíanse «borrar do mapa» varias aldeas,
incluídas ducias de vivendas, con expropiacións forzosas sobre elas e un centenar de explotacións agrícolas familiares.
Ademais, segundo Contraminacción, «destruiríase fisicamente un río e toda a súa bacía fluvial de prados de regadío», no que a empresa
-lembra- xa conta con licenza para tomar auga e producir verteduras e tamén se destruirían seis camiños de dominio público, que obrigaría os usuarios a percorrer 12 quilómetros para salvar unha distancia de menos de dous quilómetros.
Os autores das alegacións resaltan no seu escrito que a canteira se sitúa sobre o xacemento arqueolóxico da Cova de Eirós, onde alén doutros importantes achados, apareceron as primeiras pinturas rupestres galegas, até un total de 94, e na área hai outras tres covas que non foron estudadas e que serían «totalmente destruídas».
Por iso, finalmente anuncian que, se non se «anula inmediatamente»
este procedemento no Concello de Triacastela, iniciarán «todas as accións xurídicas» que consideraren oportunas. EFE.
jl




