Nunhas declaracións á EFE, Julio Pacio subliñou que esa intención da empresa ficou claramente demostrada onte, despois de que as negociacións entre ambas as partes quedasen «definitivamente suspendidas», segundo informou a propia concesionaria, despois dunha reunión que durou máis de sete horas, convocada polo mediador do Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo o portavoz do comité de empresa, «a parte social» aceptou a «proposta que puxo sobre a mesa o mediador para desbloquear o conflito», porque mesmo foi aprobada pola propia asemblea de traballadores, a pesar de que «difería moito» das demandas formuladas inicialmente polos empregados de Urbaser en Lugo.
Desde o inicio deste conflito laboral, insistiu, o cadro de persoal foi «mudando as súas posturas», sempre coa esperanza de «chegar a un acordo» que permitise sacar adiante o convenio colectivo e pór fin a unha folga que dura xa un mes e dous días.
Porén, a pesar de aceptar esa proposta que o mediador puxo sobre a mesa para solucionar o conflito, «foi a empresa a que volveu bloquear a negociación», ao se negar a «falar de despedimentos e de sancións», dúas condicións que a parte social considera ineludibles para pechar calquera acordo.
Once traballadores foron despedidos pola empresa desde o inicio desta folga e outros sesenta e seis foron amoestados con sancións económicas, polo que os sindicatos entenden que non pode haber ningún acordo se a empresa non retira esas medidas disciplinarias.
Por iso, Julio Pacio insistiu en que «a quen interesa este conflito é á propia empresa. Ela saberá por que».
De feito, subliñou que Urbaser «está levando o conflito como ela quere, inclusive mediaticamente», mais os traballadores están dispostos a «continuar coa folga «, porque «cen por cento do cadro de persoal está unido» e disposta «a loitar por un convenio digno».
Os sindicatos convocaron para este mediodía unha nova manifestación que partirá da casa sindical, obrigará a cortar o tránsito na Rolda da Muralla e terminará perante o concello. EFEverde




