Preguntado polos informadores tras unha reunión coa asociación galega do cerco, canda a conselleira de Mar, Rosa Quintana, Hermida explicou que recibiu o pasado venres a devandita sentenza, da sala do contencioso administrativo da Audiencia Nacional, que facía referencia a un defecto de forma, por non emitir un informe o Consello de Estado.
Lembrou que a administración dispón de dez días para presentar un recurso de casación, polo que, agora, o seu departamento procederá a revisar a sentenza, aínda que adiantou que Pesca cre que non se trata dun regulamento executivo, «como di a sentenza», senón que «é un regulamento de desenvolvemento da propia Lei de pesca».
Nese sentido, subliñou que a Lei «establece a posibilidade, e recomenda incluso, a posibilidade de establecer repartos por segmentos de frota, por modalidades, e cremos -sinalou- que non todas as disposicións normativas que fai a Administración teñen que pasar polo Consello de Estado».
Andrés Hermida concluíu: «Nós, cando preparamos calquera plan, os nosos xuristas, os nosos avogados do Estado, revísano concienciudamente e o que imos facer é revisar a sentenza e supoño que presentaremos o recurso correspondente». EFEverde




