EFEverde.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará o litoral da Comunidade galega, a partir da tarde de mañá, sábado.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espéranse ventos do noroeste de forza 8, con mar combinada entre 6 e 8 metros, que dará comezo na tarde de mañá na costa da provincia de Pontevedra, A Coruña e na costa lucense.
Ademais, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, tendo en conta os informes de Aemet, Meteogalicia, Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica, espera novos incrementos dos caudais nos ríos galegos, o que orixinará o enchido das canles e posibles desbordamentos.
En previsión destes feitos, activouse o plan especial de Protección Civil ante o risco de inundacións.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e das persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Lémbrase, así mesmo, á poboación, a importancia de seguir as medidas de protección, como evitar aproximarse a diques ou rompientes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e xanelas. EFEverde