Esta intervención executarase, informou a Efe a Consellaría de Medio Natural, Territorio e Infraestruturas, de acordo co protocolo que se recolle no plan de conservación da zona húmida, que ultima a súa tramitación administrativa.
O DOG publicou onte, mércores 12, a aprobación da memoria ambiental da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A apertura dunha canle de desaugue entre a lagoa costeira e o mar ten por obxectivo evitar que se repitan as inundacións dos últimos invernos, especialmente entre decembro de 2011 e xaneiro de 2012, coa auga anegando o paseo marítimo da Frouxeira e a única pista asfaltada para acceder a unha vintena de vivendas.
Hai unha semana que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, desprazou ao areal da Frouxeira a maquinaria necesaria para acometer a obra da que se ocupa Tragsa, confirmaron desde a Consellaría de Medio Natural.
Desde Adega, a Asociación de Defensa Ecolóxica de Galiza, anticipáronse esta semana e criticaron de antemán a intervención do Goberno galego. Consideran que a obra implica unha «nova e irracional alteración da lagoa da Frouxeira» e prevén que desemboque no «baleirado mecánico da zona húmida», que os ambientalistas definen como «un dos máis raros e fráxiles» do litoral europeo.
Nunha nota, Adega, advertía esta semana da presenza de maquinaria pesada sobre as dunas grises, «hábitats prioritarios», apuntaron. Opinan que o paseo marítimo «non debeu construírse dese xeito», por debaixo da cota de inundación ordinaria da zona húmida, e tachan de «nefasto e mutilado» o plan que se tramita para preservar este espazo.
O Plan de Conservación da Frouxeira foi un compromiso do Goberno galego ante o Parlamento a partir da apertura dunha canle artificial sobre a area autorizada pola Xunta a finais do 2009 e pola que practicamente se desecou a lagoa. EFEverde





Debe estar conectado para enviar un comentario.