Así o explica o equipo promotor do proxecto de que forma parte o profesor Carlos Souto, que engade como posibles usos da ferramenta a súa utilización á hora de tomar decisións moi importantes como a construción dun porto, dunha depuradora ou dunha central térmica.
Para iso, introdúcense no sistema os factores que inflúen nas correntes, salinidade e temperatura das augas (mareas, vento, nubosidade, precipitacións…) e o modelo de alta resolución da auga da ría de Vigo devolve como resultado os valores da velocidade da corrente, salinidade e temperatura en cada zona de estudo.
Carlos Souto destacou como vantaxe fronte a outros sistemas a «precisión» que a ferramenta acada mediante a utilización de «catro mallas que multiplican por tres a precisión de cada malla á seguinte, comezando en 4.500 metros para a máis grande que ocupa o norte da fachada atlántica».
O modelo de simulación oceánica será ademais facilmente exportable a outras rías e zonas da costa.
Para iso, explica o profesor, «sería necesario desenvolver unha nova configuración partindo das mallas do modelo actual e validar os resultados con datos desas rías».
No proxecto participan as universidades de Vigo e Aveiro en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e ten como obxectivo coñecer como afectará á produtividade da ría viguesa «o debilitamento do anticiclón das Azores como consecuencia do cambio climático e un aumento na chegada de nutrientes». EFEverde




