Os centros educativos de Galicia de todos os niveis -excepto o universitario-, as escolas taller e as asociacións poden presentar as súas propostas a través dun sinxelo formulario aloxado na web do programa (www.voznatura.es) onde tamén están dispoñibles as bases da que será xa a 20.ª edición. Cos proxectos que resulten admitidos arrincará en setembro unha edición moi especial: a do 20 aniversario de Voz Natura.
O programa cumprirá o próximo curso dúas décadas ao servizo dos ecosistemas de Galicia
Actividades ambientais

Durante este tempo, foron moitos e variados os campos de actuación.
A loita contra os incendios forestais foi a protagonista das dúas primeiras edicións temáticas (9.ª e 10.ª).
A reciclaxe, o cambio climático, a biodiversidade, a auga, as reforestacións, as enerxías alternativas, os ríos e praias e os hortos ecolóxicos tomaron a vez ata chegar ao curso actual cos ecosistemas autóctonos e a erradicación de especies invasoras no punto de mira.
Durante estes anos, os equipos participantes conxugaron o tema proposto pola organización do programa con outras actividades ambientais do seu interese.
Vixésima edición
Agora, como primeira novidade desta edición especial, serán os propios centros os que decidan libremente o eixo central dos seus proxectos.
Voz Natura quere que sexan os profesores e os seus alumnos os que identifiquen os problemas ambientais que afectan á súa contorna máis próxima e actúen directamente sobre eles.
Unha vez recibidas as propostas, un Comité Científico analizará e valorará os proxectos e no mes de xuño farase pública a lista de centros admitidos e que contarán con financiamento do programa.
Os proxectos aprobados comezarán a executarse co inicio do próximo curso escolar, no mes de setembro.
Voz Natura conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, a Fundación Ramón Areces e El Corte Inglés. EFEverde





Debe estar conectado para enviar un comentario.