Durante unha visita realizada a Bande (Ourense), onde se están a executar as obras de mellora do encoro das Conchas, Villanueva detallou á prensa que as autoridades daquel país están á espera de poder acceder ao navío «para determinar se está dentro» este home, Juan Bordas, con residencia en Burela (Lugo).
Trátase o pesqueiro sinistrado, concretou Santiago Villanueva, dun «barco que estaba pescando» e no que «se produciu un incendio na sala de máquinas».
«Neste momento comunícannos que non se pode acceder ao buque porque estaba incendiado e é perigoso», proseguiu. O barco non afundiu e permanece á deriva.
O xefe de máquinas do pesqueiro «Guariste I», con base en Vigo, incendiado a 840 millas ao suroeste de Lima, no océano Pacífico, ten dobre nacionalidade, española e peruana, 57 anos de idade, está casado e é pai.
Entre os trece tripulantes do «Guariste I» figuran tres galegos, dous da comarca do Morrazo (Pontevedra) e un de Ribeira (A Coruña), ademais de catro caboverdianos e seis indonesios.
O delegado do Goberno en Galicia comentou que «están esperando a que se poida acceder ao barco para determinar se está dentro» o desaparecido, aínda que «todo indica que quedou dentro do buque», remarcou.
«Así que se permita entrar ao buque, entrarase e determinarase en que lugar está e investigaranse as causas do sinistro», apuntou Villanueva. EFEverde




