Para evitar que se repitan as inundacións dos últimos invernos, especialmente entre decembro do 2011 e xaneiro do 2012, coa auga anegando o paseo marítimo da Frouxeira e a única pista asfaltada para acceder a unha vintena de vivendas, a Xunta xa previu os medios para abrir unha canle sobre a area para evacuar o exceso de volume da lagoa, mais aínda non interveu.
Desde a semana pasada, unha pa escavadora está preparada para acometer a tarefa cando a cota de auga chegar ao nivel máximo, que depende das chuvias e as mareas.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) criticou a probable intervención do Goberno, que considera unha «nova e irracional alteración da lagoa da Frouxeira» e prevé que desemboque no seu «baleirado mecánico», que os ambientalistas definen como «un dos máis raros e fráxiles» do litoral europeo.
A asociación ecoloxista xa advertira da presenza de maquinaria pesada sobre as dunas grises, que son «hábitats prioritarios».
Para Adega, o paseo litoral «non debeu construírse dese modo», por debaixo da cota de inundación ordinaria da lagoa e a Xunta desaproveitou a ocasión cun «nefasto e mutilado» Plan de Conservación para preservar este espazo cuxo último borrador, apunta, «exclúe a presenza na Frouxeira de hábitats naturais protexidos e recollidos en diversos documentos técnicos».
Ante a previsión de novos danos ambientais neste espazo protexido, os ecoloxistas anuncian que apelarán á Fiscalía de Ambiente do TSXG, ao Comité español de zonas húmidas e ao Comité Ramsar, o convenio internacional que ampara este espazo de Valdoviño.
O Plan de Conservación da Frouxeira foi un compromiso do Goberno galego ante o Parlamento a partir da apertura dunha canle artificial sobre a area autorizada pola Xunta a finais do 2009 e pola que practicamente se desecou a lagoa.
O borrador foi publicado no día 23 de novembro do 2013 e, en opinión de Adega, carece de «rigor científico» e presenta «series deficiencias que imposibilitan a conservación con medidas xeneralistas». EFEverde




