Estas unidades están formadas por militares de diferentes unidades da Brilat de Pontevedra e do Terzo Norte de Infantería de Mariña da Armada en Ferrol e, ademais, contan co reforzo dun sistema aéreo piloto por control remoto, que terá como misión a vixilancia e a disuasión cara a posibles incendiarios.
O exército tamén terá dous helicópteros para ser empregados cando a Xunta de Galicia o requira, no caso de que suba o nivel de alerta por incendios, que levaría ao aumento ata un máximo de 75 das patrullas a disposición deste operativo.
Para nós é unha oportunidade única de participar nunha misión de apoio directo á poboación», explicou o xeneral xefe da Brilat, Antonio Romeu, na presentación desta operación, na que estivo acompañado do vicepresidente galego, Alfonso Rueda; e da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.
Romeu indicou que os soldados participan «moi motivados» nesta misión porque «ven de forma moi directa a utilidade do traballo que se fai» e supón, engadiu, «aumentar as nosas raíces con Galicia», terra da que proceden a maioría dos integrantes desta brigada militar.
«Senten o terreo como seu, senten os incendios que lles afectan igual que a calquera cidadán galego e tentamos, na medida en que podemos, achegar o noso granito de area para que Galicia non sufra esa secuela», asegurou Romeu Losada.
Funcións de vixilancia e alerta
O xeneral xefe da Brilat indicou que a tarefa destes militares será vixiar os montes, facilitar información temperá aos servizos de extinción e notificar ás forzas de seguridade calquera sospeita de actividade incendiaria.
As patrullas serán repartidas por 32 municipios galegos, pertencentes a sete distritos forestais das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, ata o 15 de setembro.
O vicepresidente da Xunta, pola súa banda, destacou que o operativo coordinado polo Goberno galego para loitar contra os incendios está composto por máis de 7.000 persoas e nel, dixo, o obxectivo «fundamental» é evitar que os incendios se produzan.
Se se producen, por suposto que hai que apagalos, pero o obxectivo principal é tentar que eses incendios non teñan lugar», sinalou Rueda, que ve » importantísima» o labor das patrullas militares para vixiar os montes e «disuadir» a quen lles prende lume.
Por iso estas unidades militares estarán en lugares «estratéxicos» e especialmente «sensibles», detallou o vicepresidente galego, onde se debe «intensificar» a vixilancia para lograr, entre todos, reducir o número de incendios que se producen ao ano en Galicia. EFEverde




