A nova cita de Acampa en 2019 abordará a problemática das mulleres refuxiadas e podería celebrarse simultaneamente en Brasil, segundo informaron os promotores.
"Despois destes tres días de actividades, encontros, debates, e imaxes da dura realidade que atravesan as persoas en busca de refuxio, podemos asegurar que a cidadanía quere dar resposta a ese reto dunha maneira humana, absolutamente afastada da liña que están a aplicar moitos países europeos", asegura Xosé Abad, coordinador de Acampa.
Esa é a conclusión dos organizadores de Acampa 2018, que durante tres días transformaron os xardíns de Méndez Núñez nun campo de refuxiados e nun espazo para a reflexión.
Nos próximos meses, membros do Acampa reuniranse con representantes de todas as forzas políticas no Parlamento Galego, Español e Europeo, para conseguir que se recoñeza e dote de amparo normativo a figura de Refuxiado por Cambio Climático.
Acampa 2019
O movemento pon agora o foco no que será Acampa 2019. Se este Acampa centrouse nos refuxiados por cambio climático, a próxima edición programarase sobre "as mulleres refuxiadas".
Ademais, é moi probable que a iniciativa cruce o charco e se replique, simultaneamente en Brasil, coa implicación dos países de fala portuguesa.
Ese é o compromiso adquirido polo profesor Marcos Sorrentino da Universidade de Sao Paulo (biólogo e pedagogo, experto en educación ambiental e coordinador do laboratorio de Educación e Política Ambiental da Escola Superior de Agricultura Luiz de Queiroz) convidado a Acampa 2018.
"Estando aquí estes días, comprobamos a converxencia da filosofía de Acampa coas nosas áreas de actuación, centradas na loita pola terra e a xustiza social", explica Sorrentino.
"Sabemos, como se falou aquí estes días, sobre a necesidade da educación ambiental, da conservación do medio ambiente como única fórmula para protexer o futuro de millóns de persoas ás que, se non, abocamos a migrar".
O experto asegurou que é necesario " internacionalizar a resistencia fronte aos mecanismos de mercantilización da vida". Por iso, concluíu, "buscaremos a maneira de articular un Acampa no noso país e implicar aos oito países de lingua portuguesa, cinco deles, ademais, no continente africano". EFEverde