Nunha nota, os ambientalistas critican que o litoral galego sexa tratado por «algunhas empresas sen escrúpulos» como «un vertedeiro barato que lles queda moi a man» onde depositaron «moreas de lixo con total impunidade sobre un espazo público, costeiro e protexido pola Rede Natura 2000» que comprende esta zona de Carnota e o Monte Pindo.
Sinalan a compañía como responsable do depósito destes materiais que procederían, di Adega, das obras que executan nas súas instalacións. O colectivo indica que xa pediu amparo ao Valedor do Pobo ante a negativa «ata agora», precisan, da Administración galega a facilitarlles información sobre a actuación e os permisos que levaría aparellada.
Sosteñen que eses depósitos áridos conteñen «restos de cemento e formigón picado, plásticos, ferros e outros restos de demolición entre os que podería haber tóxicos e perigosos» e que para trasladalos da planta ata o punto onde se apilaron, abriuse «un camiño con maquinaria pesada sobre os hábitats (algúns prioritarios) da costa».
Critican a sucidade que se encontran, moi a miúdo, nos mares e os areais do litoral galego en que recolleron, en batidas de voluntarios, máis de 5 toneladas de desperdicios entre plásticos, botellas, cordas, madeiras, aluminio, botes de químicos, escumas ou poliespán.
«As 5 toneladas recollidas nunhas poucas horas por voluntarios son a punta de iceberg e dan unha idea da dimensión do problema», terminan. EFEverde




