EFEverde en Galego

Adega denuncia que a Xunta anula “discretamente” licenzas de caza ilegais

Publicado por: Redacción EFEverde 5 de mayo, 2014

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) denunciou que a Xunta “está anulando discretamente centos de licenzas de caza ilegais”.

Os ecoloxistas lembran nun comunicado que en 2012 denunciaran a “expedición masiva (logo do pagamento)” de licenzas de caza sen que os titulares pasasen os trámites preceptivos, nunha actuación en que “estaban implicados funcionarios de Conservación da Natureza da Coruña e que lle custou a ‘baixa’ a García-Borregón, ex-director xeral”.

Os feitos foron postos pola Fiscalía Ambiental do TSXG, a denuncia de Adega, e son instruídos polo xulgado número 3 da Coruña e “consistían na masiva concesión de licenzas de caza ilegal por parte do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña”.

Adega insiste en que se trataba de licenzas “fóra da lei” e “sen que os beneficiarios realizasen o preceptivo exame do cazador e pagando en compensación unha ‘mordida’ aos conseguidores da Administración”.

Tamén apunta que entón demandou a dimisión tanto do director xeral coma do xefe de servizo da Coruña, Carlos Muñoz, “segundo parece tamén titulares de licenzas”, que, “ou non coñecían os graves feitos acontecidos durante anos baixo o seu nariz ou sabían destas prácticas corruptas e promovéronas ou toleráronas”.

Tras sinalar que hai uns meses a Xunta “cesou discretamente” a García-Borregón, “tamén implicado no caso dos masacres de lobos no Barbanza”, os ecoloxistas opinan que a Xunta intentou “darlle un perfil baixo ao escándalo e cinguilo á vía administrativa, anulando aos poucos as licenzas ilegais, logo da consulta ao Consello Consultivo”.

Na súa opinión, iso deu como resultado “unha auténtica avalancha” de peticións de caza neste exercicio 2014 e de matrículas para o exame de cazador, “que antes era posible conseguir pola vía rápida pagando entre 120 e 150 euros”.

En opinión dos ecoloxistas, ademais das responsabilidades político-administrativas, tamén pode haber responsabilidades penais, como prevaricación, trato de favor, suborno, malversación de fondos públicos ou falsidade documental, ademais dun presunto delito ambiental.

Finalmente, Adega explica que estes permisos habilitan para solicitar a licenza de armas ante a Garda Civil e pregúntase se o conselleiro de Medio Natural, Agustín Hernández, era coñecedor “destas prácticas”. EFEverde

Secciones : Actualidad Galego
Redacción EFEverde

Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE.