Esta obra, que se enmarca dentro do Programa de Camiños Naturais do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, pretende crear «unha infraestrutura que responda á demanda do ecoturismo» e promova «valores» no referente ao coidado da natureza mediante «a educación ambiental», segundo informou a Delegación do Goberno.
As obras foron visitadas esta mañá polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, acompañada polo coordinador de programas da Subdirección Xeral de Desenvolvemento de Medio Rural do Ministerio e director da obra, Jorge Figueira, así como polo subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; a directora de Conservación da Natureza, Verónica Tellado; e a alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez.
Os traballos que a empresa Tragsa está executando no tramo da Mariña do Camiño de San Rosendo comezaron en outubro e, unha vez finalizados, unirase aos xa construídos na provincia de Ourense, entre Porto Quintela e Celanova (cunha lonxitude de 28,3 quilómetros) e entre Celanova e Ourense (37,8 quilómetros).
En total, o proxecto prevé a recuperación de 225 quilómetros de camiños naturais que unirán Porto Quintela (Ourense) con Foz (Lugo).
De feito, o Ministerio xa está preparando os estudos necesarios para executar os proxectos correspondentes a Portomarín-Lugo e Lugo-Meira.
Executados eses dous tramos, só quedarían os de Meira-Mondoñedo e Portomarín-Ourense.
Os traballos que se están executando na Mariña, grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e o Goberno central, consisten en rozar as terras ao seu paso, depositar grixo, construír resaltes de formigón, recuperar as fontes e colocar dúas pasarelas de madeira, sobre o Baos (Lourenzá) e no lugar da Voltiña.
O proxecto prevé tamén a colocación de colectores e marquesiñas de madeira, a sinalización do camiño e a colocación de elementos de protección nas marxes dalgunhas vías. EFEverde




