«Hai furtivismo porque hai alguén que compra ese produto», subliñou o delegado do Goberno, Santiago Villanueva, minutos antes do encontro centrado en combater este problema «de orde pública e económica».
Actuacións conxuntas
Precisamente, a esta reunión en que serán tratadas actuacións conxuntas para loitar contra o furtivismo asisten o xeneral xefe da XV Zona da Garda Civil, José María Feliz; e o inspector xefe adxunto da Unidade de Policía Adscrita, Antonio Riádigos.
Resultado desta colaboración, os controis especiais contra o furtivismo dos servizos de Gardacostas e a Policía Autonómica triplicáronse no ano 2014, até alcanzar os 1.600, tanto en establecementos como bares e restaurantes, en camións por estrada ou en saídas ao mar de barcos e lanchas.
En 2014 realizáronse 16.400 inspeccións de Gardacostas, fronte ás 15.500 do ano anterior, case 900 máis, segundo datos da Consellería do Medio Rural e do Mar.
A xarda, o xurelo e a ameixa foron, por esta orde, as especies extraídas por furtivos máis comisadas en 2014, cando se incautaron 100.800 quilos fronte aos 240.000 do ano anterior.
Fórmulas de coordinación
A pesar de que descenden as incautacións, o problema persiste e «preocupa» a Administración e os propios profesionais do sector, e por iso procuran fórmulas de coordinación para atallalo, indicou Villanueva, quen lembrou que en 2014 os Corpos de Seguridade do Estado presentaron máis de 3.700 denuncias e comisaron máis de 40.000 quilos de marisco.
Por iso, subliñou a transcendencia da emenda, presentada polo PP, ao Proxecto de lei de reforma do Código penal, pola que se tipificará por vez primeira como delito o furtivismo no marisqueo, con penas de entre seis meses e dous anos de prisión se se puxer en risco a sustentabilidade dos recursos.
«É algo necesario» e «moi positivo para erradicar este tipo de condutas», dixo o delegado do Goberno.
A conselleira do Medio Rural e do Mar coincidiu en destacar a preocupación da Xunta por este tema, no que traballa desde que accedeu ao cargo, no que afrontou unha «pelexa constante» para lograr esta modificación no Código penal sobre o furtivismo reincidente.
A razón é protexer non só a saúde dos consumidores e o traballo dos mariscadores con licenza, senón ademais a marca de calidade galega.
«Podemos presumir de calidade sempre que o produto vaia por vías legais», aseverou, unha misión na que se aliaron as administracións, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, o Servizo de Gardacostas e as Confrarías de Pescadores ante o furtivismo, que non se está incrementado senón que baixan infraccións e, entre tanto, aumentan as inspeccións e controis.
Por iso, a conselleira trasladou certo optimismo a pesar de que «aínda quedan moitos furtivos», unha actividade estendida «por igual» en todo o litoral galego, con especial incidencia en Ferrol e Arousa.
Quintana reiterou que «se non hai quen compre non hai quen colla», polo que, ademais, pediu a colaboración cidadá para evitar a proliferación desta actividade ilegal.
«Imos por todos», advertiu.
Reforma penal
Por parte das Confrarías de Pescadores, o presidente da Federación expresou satisfacción pola reforma penal e o seu agradecemento por reunións como a de hoxe, para encamiñar unha loita «máis eficiente e eficaz» contra os furtivos ante a «insuficiencia» de medios con que contan.
«De aí a importancia de intentar coordinar todos os esforzos para non dar paus de cego», explicou Tomás Fajardo, nunha actividade, a furtiva, que protagoniza «agresións continuas e constantes» nos últimos tempos.
Neste sentido, asegurou que aínda que este poida ser o único medio de vida para algunhas persoas, «non se pode favorecer a quen realiza unha actividade ilegal en detrimento doutra persoa en lista de espera» para conseguir unha licenza, e menos cando «se utiliza a violencia», ante a que confesou que se ven «incompetentes» para poder afrontala. EFEverde




