A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, presentou hoxe unha nova campaña de divulgación e concienciación cidadá fronte aos incendios forestais titulada “Faite Cortalumes”.
Incendios forestais
Os incendios forestais son un “problema de todos”, dixo Vázquez, que espera con esta iniciativa “concienciar á sociedade” da importancia de adoptar unha “actitude responsable”.
A titular de Medio Rural, acompañada do director xeral de Ordenación Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto, destacou que coidar os montes galegos é unha responsabilidade de toda a sociedade galega, que debe implicarse para “atallar este problema”.
“Debemos tomar conciencia do dano ambiental, económico, e sobre todo un fundamental, como son as vidas humanas”, dixo a conselleira en alusión á morte de persoas hai un mes no incendio en Portugal.
Así, convidou a “ter a máxima precaución no monte e adoptar medidas respectuosas” para evitar lumes ou a súa propagación, e fixo un chamamento á poboación a que en caso de detectar algún chame ao número de teléfono 085.
Campaña
Baixo o lema “Eu son cortalumes”, Vázquez emprazou á totalidade da sociedade galega a participar nesta campaña, que tamén contará coa participación de personaxes galego famosos en distintos ámbitos, tales como Susana Seivane, Xoel López, Luís Dávila, Lucía Pérez, José Luis Gayoso ou Vero Fenda.
Vázquez convidou á poboación para visitar o portal da internet “soncortalumes.gal” para mostrar a súa desconformidade cos incendios e no que poderán recibir un certificado simbólico de participantes do proxecto.
Galicia conta con preto de 2 millóns de hectáreas de masa forestal, das cales, 10.500 están ocupadas por “devasas físicas”.
A conselleira exhortou a “conformar unha gran devasa humana”, dado que a maioría dos incendios que sofre cada verán Galicia “son provocados”, dixo, e reiterou a súa petición para “denunciar aos incendiarios”. Efeverde