EFEverde.- O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Ambiente (Magrama) distribuíu pola xeografía española 15 medios aéreos e cinco brigadas de reforzo para a prevención de incendios forestais durante a Semana Santa, ante o aumento do risco de incendios polas altas temperaturas previstas.
Aos dispositivos de prevención e extinción que se foron despregando de forma graduada para a campaña de inverno e primavera únense dous avións anfibios que funcionarán até o vindeiro 6 de abril.
O Magrama decidiu reforzar con estes medios os posibles labores de extinción de incendios das brigadas de Santander e A Lavacolla (A Coruña) ante o incremento do risco de se produciren incencios na zona norte de España.
Dispositivos
Desta forma, o dispositivo aéreo estará composto por catro avións anfibios Canadair (con 5.500 litros de capacidade de descarga), seis helicópteros bombardeiros (con 4.500 litros de capacidade de descarga) situados en Alacante, León, Asturias, Ourense e Córdoba.
Para os traballos de extinción en terra, o Ministerio ten operativas cinco brigadas de reforzo en incendios forestais (BRIF), cada unha delas cun helicóptero de transporte provisto dun helibalde que ten até 1.500 litros de capacidade de descarga.
Estas brigadas foron distribuídas por cinco comunidades autónomas: Estremadura, Castela e León, Asturias, Cantabria e Galicia.
Os medios de extinción do Magrama son mobilizados a pedimento da comunidade autónoma afectada, que é o órgano competente en materia de incendios forestais.
Despois de recibir a petición, desde o Centro de Coordinación da Información Nacional de Incendios Forestais (CCINIF), o equipo de garda analiza e avalía a solicitude, tras o cal envía os medios adecuados para apagar o incendio.
Estes medios poden ser mobilizados desde calquera punto do territorio nacional, segundo o Magrama cun criterio de “solidariedade interrexional”.
Apagado o incendio de Lobios no parque do Xurés
O incendio que afectou onte a parroquia de Río Caldo, no municipio ourensán de Lobios, en pleno corazón do Parque Natural do Xurés, quedou extinguido onte sobre as 22.15 horas, despois de queimar unha superficie estimada de 15 hectáreas, informou hoxe a Xunta.
O lume iniciárase sobre as 11.00 horas da mañá nun lugar de difícil acceso e quedou controlado sobre as 21.25 horas. Nos traballos de control deste incendio participaron dous axentes forestais, nove brigadas, dúas motobombas e seis helicópteros. EFEverde