EFEverde.- Un grupo de mariscadores da ría de Ferrol sen carné, voceiros dun colectivo que representa de setenta a oitenta traballadores que faenan na zona do Couto, deixaron de ocupar hoxe o Concello de Ferrol tras reunirse co alcalde, José Manuel Rey, e exporlle as súas reclamacións.
O grupo acomodouse esta mañá nas escaleiras do Consistorio, na praza de Armas, coa intención de encerrarse se non logra o seu obxectivo de falar co alcalde, que accedeu a reunirse para escoitar os seus problemas.
Como xa fixeron en varias ocasións nos últimos meses con distintas accións e protestas, os mariscadores furtivos da ría ferrolá volveron pedirlle ao rexedor a súa mediación ante a Xunta para buscar solucións aos seus problemas.
Un dos integrantes do grupo, Amador Vázquez, sinalou que os mariscadores que faenan sen carné fano “por obriga, non por gusto” e reclamaron á Consellaría de Mar que lles conceda novos permisos para faenar a pé nos pósitos de Ferrol e Fene e a regularización da súa situación.
Tras a reunión, os furtivos saíron do Concello aínda que anunciaron que regresarán a semana próxima, dixo Vázquez a Efe.
O alcalde convidounos a estudar as súas reclamacións e nun prazo de sete días darlles unha resposta, comentou.
“Se non é o mar, pois que sexa noutra cousa pero que sexa un traballo”, comentou un destes mariscadores sen permiso. EFEverde