EFEverde.- Un total de 75 alumnos de nove centros educativos, a maioría situados na bisbarra da Montaña de Lugo, volveron quedar hoxe sen clase como consecuencia da neve que aínda dificulta a circulación pola rede viaria desa zona da provincia, informou a Efe a Consellaría de Educación.
Os municipios máis afectados son Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela, pero só foi preciso suspender por completo a actividade lectiva no colexio Uxío Novoneyra en Pedrafita.
A mediodía, continuaban cerrados ao tráfico de camións pesados os portos do Poio, O Cebreiro e San Roque, os tres en Pedrafita e permanecía a obriga para os demais vehículos de circular con cadeas.
A delegación territorial da Xunta en Lugo informou por outra banda de que nas últimas horas o seu dispositivo de vialidade invernal guindou unhas 66 toneladas de sal e 27.000 litros de salmoira na rede autonómica de estradas para facilitar o tráfico.
Dúas máquinas quitaneves que forman parte do dispositivo da Deputación de Lugo para sacar a neve das estradas quedaron fóra da calzada cando despexaban de neve unha estrada na zona da Montaña, informou o responsable de Vías e Obras, Manuel Martínez.
Neses accidentes non houbo danos persoais pero iso dificultou os labores de limpeza de neve da rede provincial de estradas, indicou Martínez.
Puntos conflictivos
Precisou que nas zonas altas continúa nevando e hai puntos especialmente conflitivos como a estrada LU-P-4501, no municipio de Pedrafita do Cebreiro, onde a neve acumulada nas marxes alcanza xa os tres metros de altura.
Martínez informou de que a Deputación espera resposta da Dirección Xeral de Tráfico para pechar novamente ao tráfico esa vía por motivos de seguridade.
No resto da rede viaria continúan traballando vinte operarios e oito máquinas quitaneves do dispositivo de vialidade invernal, aínda que a situación mellorou nas últimas horas.
Nos tramos afectados hoxe polas nevaradas o grosor oscilaba entre 10 e 15 centímetros de altura, cando en días pasados superou os 40 centímetros.EFEverde