Nun comunicado, este colectivo informa de que presentou alegacións ao documento, en que pide que se retire ese texto provisional e que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza «aborde de forma máis participativa a elaboración dun novo plan».
Entre outras carencias de carácter técnico, xa que a «normativa» aplicada «non resulta adecuada» e a «análise da capacidade de carga» é «deficiente», a SGHN lamenta que o documento careza de «medidas concretas de actuación, de orzamento e dun cronograma».
Segundo esta asociación, «unha deficiente xestión do uso público» desemboca actualmente «nunha presenza descontrolada que afecta de forma moi negativa e significativa tanto á percepción que os visitantes teñen do espazo natural como á propia conservación dos valores que motivaron a súa protección legal».
Entre outras causas, a SGHN subliña que eses problemas se deben «en boa medida» a unha «deficiente delimitación, que restrinxiu o Monumento Natural Praia das Catedrais a unha superficie de apenas 29 hectáreas», aínda que tamén engade que parte deses inconvenientes se resolverían «garantindo o cumprimento da lexislación vixente». EFEverde




