«Temos todos que nos pór ao choio, espérase un verán moi caloroso», advertiu Blanco nunha entrevista concedida hoxe á Radio Galega.
Nese sentido, o responsable da Policía Autonómica sinalou que en Galicia non existe constancia de «tramas organizadas» para a queima de montes, mais en todo caso insistiu en que a prevención «máis grande» é que chova, polo que un verán moi seco pode ser un grave problema.
A respecto diso, avanzou que se incrementará a presenza de «patrullas preventivas para previr os incendios», aínda que resaltou que o seu obxectivo «non é facer máis detencións», xa que o que desexarían en realidade, e con lóxica, é que non existisen máis incendios.
No referente ao terrorismo, Blanco remarcou que a Policía Autonómica non ten competencias máis alá da protección de «edificios públicos e as persoas que están dentro».
«Desde ese punto de vista calquera noticia nos interesa, mais non temos unidades, polo que a miña opinión sobre terrorismo vale moi pouquiño», subliñou. EFEverde




