O Certificado IPS de Sustentabilidade, que outorga o Instituto para a Produción Sustentable (IPS), concedeuse por primeira vez a unha empresa galega dedicada á distribución de mariscos frescos e elaborados, Mares de Galicia, un selo que «acredita o seu compromiso co desenvolvemento sustentable».
É a única acreditación en España que garante que tanto os procesos como os produtos e servizos cumpren cos requisitos de sustentabilidade asociados á produción, a xestión e os materiais empregados, sinalou o IPS nun comunicado.
Para obter esta acreditación as empresas deben pasar unha auditoría na que se confirme «que se cumpre coa normativa e principios de produción sustentable», que a fonte das súas materias primas «é legal e reconocible», e que está integrada no desenvolvemento local, así como «respectuosa co dereito dos traballadores».
«Levamos anos apostando pola sustentabilidade porque entendemos que incluíla na visión estratéxica é unha aposta rendible pola innovación, a competitividade e a excelencia», sinalou o xerente da empresa, Enrique Montes.
Redución do impacto ambiental
O certificado recoñece que as empresas desenvolven políticas de redución do impacto ambiental, e que toda a súa actuación está «baseada en principios de sustentabilidade» no plano económico, social e ambiental.
O presidente de IPS, José Cabrera, destacou que «a sustentabilidade converteuse no eixo do progreso, a innovación e a excelencia empresarial» e engadiu que o organismo busca a produción sustentable «en calquera campo empresarial».
O IPS é unha organización sen ánimo de lucro creada co obxectivo de «promover unha cultura empresarial de contribución ao desenvolvemento sustentable» desde un enfoque económico, social e ambiental, cuxa acción busca ser «parte da solución» no relativo aos impactos derivados da degradación dos recursos. Efeverde




