EFEverde en Galego

Mergulladores encontran en Arousa unha especie descoñecida de verme

Deste achado, que foi publicado pola revista científica Zookeys, informou o GEMM, unha asociación sen ánimo de lucro creada para agrupar persoas con interese no estudo e conservación da fauna mariña e que leva anos dedicado ao labor de conservar, catalogar e dar a coñecer a fauna mariña das rías galegas.

O verme, unha planaria, foi descuberto nas inmediacións do club náutico de Ribeira (A Coruña) e foi bautizada co nome de «eurylepodes galikias».

Un dos membros do colectivo, Jacinto Pérez Dieste, sinalou á Efe que este verme plano non se coñecía até agora e foi descrito por primeira vez no traballo publicado pola revista de divulgación científica.

A investigación describe nove especies máis de planarias, o nome que reciben os vermes planos, das que algunhas son novas para augas galegas e outras para o Atlántico peninsular, todas elas atopadas na ría de Arousa.

Este traballo é o primeiro dunha serie que están a ser elaborados en colaboración co Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid, que darán a coñecer novos datos doutras especies pertencentes a este grupo taxonómico, en xeral bastante descoñecido.

O GEMM destaca a biodiversidade existente nas augas galegas, «con especies novas aínda por descubrir, como neste caso», e resalta a necesidade de coidar o medio mariño para preservar o legado biolóxico.

O colectivo, explicou Jacinto Pérez, está composto por biólogos, ecólogos e mergulladores interesados polo medio mariño, e que teñen en común o mergullo como deporte e o interese polo medio mariño, «un colectivo de amigos que fai traballos científicos» e que se decatou, dixo, de que había moitos aspectos que investigar en augas galegas, tendo en conta que «só se coñecía algo do que se come». EFEverde

Secciones:

Imagen de Redacción EFE Verde

Redacción EFE Verde

Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE.