Parque Nacional de las Islas Atlánticas
As illas Cíes forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas. EFE/Lavandeira jr
EFEverde en Galego

Parlamento aproba ampliar o espazo protexido da Rede Natura 2000 en Galicia

A iniciativa do PPdeG foi aprobada por sete votos a favor, dos deputados desa formación, e cinco en contra, dos membros da oposición, que criticaron a falta de ambición do actual Goberno da Xunta en materia ambiental.

O deputado do PPdeG Gonzalo Trenor, que presentou a iniciativa, sinalou o desexo de ampliar ese espazo en Galicia co fin de «deter a perda de biodiversidade».

Trenor precisou que Galicia ten 59 zonas territoriais de especial conservación ambiental e outras 16 zonas para protección de aves que ocupan unhas 475.000 hectáreas e que representan, segundo indicou, preto dun 12 % do territorio.

A iniciativa aprobada establece que o Parlamento autonómico inste á Xunta a «iniciar os traballos de estudo e documentación para ampliar a Rede Natura 2000».

O deputado do BNG Luís Bará sinalou que ese instrumento de protección da biodiversidade ten unha cobertura de «27,5 % do territorio español» fronte a «11,8 % en Galicia», precisou.

«Estamos na cola, estamos no último lugar en espazo protexido» respecto das demais comunidades autónomas españolas, comentou.

Bará, que asegurou que a cobertura en Galicia da Rede Natura 2000 é de 389.000 hectáreas, opinou que a iniciativa do PPdeG supón un «instrumento parcial e limitado».

O representante do BNG destacou que a Rede Natura 2000 da Unión Europea leva vinte e cinco anos protexendo a biodiversidade, pero cuestionou a efectividade das medidas aplicadas en Galicia e no conxunto de España.

Máis crítico aínda foi o deputado de En Marea Antón Sánchez, quen cualificou de «fracaso» as políticas ambientais do actual Goberno da Xunta. Efeverde

Secciones:

Imagen de Redacción EFEverde

Redacción EFEverde

Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE.