A lei, aínda en anteproxecto e que iniciou a súa tramitación despois da aprobación no pasado venres na reunión semanal do Consello da Xunta comeza hoxe a súa fase de información pública, avanzou o vicepresidente do Executivo galego na inauguración do foro «A recuperación da paisaxe galega como motor de desenvolvemento», organizado polo Grupo Correo Gallego.
Nova lei
Neste sentido, Rueda asegurou que a nova lei do solo é un texto «transversal», que afecta a toda a Comunidade galega, polo que se debe regular mediante unha «responsabilidade compartida» entre administracións e poboación.
Tamén destacou que se trata dunha norma máis práctica e simplificada que a anterior, que presenta unhas «regras do xogo» claras para que «todos saibamos a que aternos», incidiu, fronte aos continuos incumprimentos da lei do solo actual.
Así, avogou por unha «continua» conservación da paisaxe galega, un dos nosos «maiores tesouros», que na súa opinión debe continuar valorizándose, tendo en conta que será «un dos motores da recuperación económica».
Obxectivos do anteproxecto
Un dos obxectivos do anteproxecto é dar unha maior protección á paisaxe e actuar contra o feísmo, aplicando medidas «concretas e contundentes» contra este fenómeno, para evitar que se continúe a estender polo territorio.
A respecto disto, o vicepresidente da Xunta lamentou que en diversas zonas da xeografía galega fose a paisaxe a que se tivo que adaptar ás construcións e non estas ao medio e á paisaxe, como debería ser.
Para evitar isto, a futura lei do solo tamén contará con mecanismos para penalizar as construcións inacabadas, podendo obrigar a unha execución forzosa das obras necesarias, como explicou no pasado venres o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Con estas novas ferramentas de «intervención no territorio», o Goberno galego aposta por erradicar tamén a dispersión da poboación mediante unha «dinamización» da vivenda no medio rural.
A este punto tamén se referiu a directora xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Encarnación Rivas, que apuntou que a nova lei «conxuga» a necesidade de potenciación do medio rural coa súa propia preservación.
Deste modo, Rivas insistiu en que neste anteproxecto a protección da paisaxe non se concibe como unha «protección estática e unha foto fixa», senón que permite certas mudanzas en puntos en que é necesario actuar.
A responsable de Vivenda asegurou que non se pode permitir que continúe aumentando a dispersión, polo que debemos frear novas construcións en medios rurais, apostando pola recuperación do patrimonio xa construído.
Por iso, esta lei só facilitará a edificación en solo rústico de proxectos que signifiquen recuperar vivendas en desuso ou para realizar inmobles destinados ao turismo de natureza ou ao sector agroalimentario.
Rivas defendeu as medidas que se tomarán no referente ás construcións que causan «maior estrago» do territorio, como son as construcións inacabadas ou mal conservadas.
En canto á norma en vigor, considerou que «establecía demasiadas normas para 314 concellos tan diversos», mentres que, mediante esta nova lei, se pretende axilizar e reducir as cargas burocráticas na elaboración dun planeamento municipal, eliminando as sobrecargas administrativas mediante a introdución dun informe único. EFEverde




